Massó, a praia «okupada»
O complexo industrial de Cangas sufre o abandono en medio da polémica polo proxecto para construír un porto deportivo e vivendas de luxo no lugar.
O antigo complexo industrial de Massó soporta como pode o paso do tempo. Entre xiringas, gatos salvaxes e algún que outro bañista, o edificio medular do que algunha vez foi un gran complexo industrial sobreponse á situación e eríxese impoñente ante o mar. Os cristais rotos, as paredes carcomidas polo tempo e os candados intentando evitar a entrada á fábrica principal evidencian o estado de abandono do lugar. Algúns bañistas siguen acercándose á praia como fixeron sempre. Quizais por ser fieis ós seus costumes, ou quizais por reivindicar o seu ante o proxecto que ameaza con construír na zona un porto deportivo.
Anque o lugar está próximo ó centro de Cangas, a postal parece extraída dos suburbios dunha cidade. Aproveitando o abandono dos edificios de Massó, un grupo de okupas instalouse no antigo economato do complexo industrial ó máis puro estilo setentero das comunas hippies co lema: «Salvemos Salgueirón». O blog do colectivo anuncia que a súa intención é «denunciar o lamentable estado de abandono do lugar e amosar a desatención por parte do Concello». Sen embargo, atópanse no edificio sen que sexa da súa propiedade, e a mellora da situación implicaría o desaloxo do economato onde viven. O Centro Social, tal e como o denominan, organiza sesións de limpeza dos xardíns, mercados de intercambio nos que non se usan cartos e mesmo concertos gratis.