"Canto máis medre o sistema máis catastróficos serán os resultados do seu fracaso"

Sábado 29 de maio roteiro botánico no Salgueirón, xantar popular e limpeza do C.S

  • Este sábado 29 de maio terá lugar un ROTEIRO BOTÁNICO polo Salgueirón. A actividade comezará ás 11:00 da mañá fronte á torre de Massó e rematará ás 13:00 horas. O roteiro, de dificultade baixa, abrangue dende o Salgueirón até o espazo natural de Punta Balea e estará guiado por David Álvarez Graña do Grupo Anduriña que nos axudará a identificar e coñecer as características das distintas especies botánicas desta zona. O Salgueirón con máis de 200.000 m2 de terreo contén a existencia de arredor de 100 especies arbóreas e arbustivas de xardín, bosque, humidal e froiteiras. No espazo natural de Punta Balea cunhas 15 has. de terreo, dentro do dominio público marítimo terrestre e a zona de servidume de proteción, están censadas 388 especies de plantas de ambiente ruderal, humidal, lacustre, cantís supralitorais, praias e dunas. Cabe destacar tamén o Xardín do Salgueirón, un xardín botánico cunha superficie duns 4.000 m2 que alberga especies dos 5 continentes. Amáis da araucaria de Norfolk, cipreses Glabros de Arizona, evónimos do Xapón, acacia de madeira negra, e un longísimo etc podemos atopar o cogumelo mexicano da subespecie myxomicetes, sendo o xardín de Massó un dos 8 lugares da Península Ibérica onde se atopou dita especie. Podedes consultar aquí unha lista máis ampla do que nos imos atopar no noso percorrido.
  • A partir das 14:00 h. haberá un XANTAR POPULAR no Centro Social (traede algo pra compartir).
  • Xa pola tarde realizarase unha LIMPEZA COLECTIVA do novo Centro Social do Salgueirón que acaba de comezar a súa andaina.